A Xunta de Goberno Local aprobou a semana pasada as bases do programa A Coruña no Mundo: Bolsas Norteamérica 2025-2026, que contempla a convocatoria dun mínimo de 25 prazas que posibilitan a realización do curso de 1º de Bacharelato en Canadá durante o curso 2025/26, para mellorar as competencias lingüísticas do alumnado matriculado en 4º de ESO nun centro educativo do municipio da Coruña durante o curso 2024-2025.
Nos próximos días procederase á apertura do prazo de inscrición para poder participar no programa, establecéndose 10 días hábiles para presentar por Rexistro a documentación requirida, prazo que comezará a contar desde o día seguinte da publicación do extracto das bases e a convocatoria no Boletín oficial da provincia da Coruña, que estiman pode ser o martes 19 de novembro, de tal maneira que a inscrición poderá formalizarse desde o día 20 de novembro ata o o 3 de decembro, pendente de confirmación definitiva.
A ficha de participación estará dispoñible na web educativa municipal, aínda que tanto esta ficha, unha vez cuberta e asinada, como o resto de documentación ten que presentarse a través dos rexistros oficiais do Concello como doutras administracións, para poder formalizar a inscrición.
Supón unha gran oportunidade para profundar no coñecemento do inglés e da cultura doutro país. Achegamos para iso as bases, aínda que en todo caso toda a información, incluíndo requisitos, criterios de baremación, custos e documentación necesaria, está dispoñible na páxina web municipal, no seguinte enlace: Bolsas Norteamérica 2025-2026
En calquera caso, avanzámoslles que poderá solicitar a participación neste programa e ser beneficiario/a de estas axudas o alumnado escolarizado nun centro educativo do termo municipal do Concello da Coruña, que cumpra cos seguintes requisitos:
- Estar en posesión do documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro (NIE).
- Residir e estar empadroado co seu pai, nai ou representante legal, de ser o caso, no Concello da Coruña no momento da solicitude.
- Estar matriculado e cursando 4º de ESO nun centro escolar situado no termo municipal da Coruña, no curso 2024-2025.
- Contar no curso de 3º de ESO cunha cualificación media de 6 puntos ou máis e non ter ningunha materia suspensa.
- Contar no curso de 3º de ESO cunha cualificación de 7 puntos ou máis na materia de lingua estranxeira (inglés).
- Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario/a, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este requisito será comprobado só no caso de resultar adxudicatario, podendo dar lugar a que un solicitante inicialmente admitido pase a estar excluído por non cumprir este requisito na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Para a concesión das prazas teranse en conta a nota media e de inglés de 3º de ESO, os ingresos económicos da unidade familiar, así como diferentes aspectos sociofamiliares dos solicitantes (condición de familia numerosa, familia monoparental, discapacidade, situación de violencia de xénero, casos de acollemento familiar).
Con todo, a participación no programa non implica a total gratuidade para o alumnado beneficiario, polo que as familias en función da súa renda per cápita, achegarán as cantidades que lles correspondan segundo as contías e porcentaxes sinalados na táboa recollida nas bases do programa, establecendo dous tipos de bolsas:
- Bolsa total. Serán beneficiarias de bolsa total as persoas seleccionadas que obteñan unha puntuación en relación á situación económica da unidade familiar nuclear comprendida entre 7 e 10 puntos (ambos inclusive).
- Bolsa parcial. O Concello asumirá un máximo do 95 % e un mínimo do 65% do custo total das prazas do alumnado seleccionado que obteña unha puntuación en relación á situación económica da unidade familiar nuclear comprendida entre 0 e 6 puntos. As familias do alumnado beneficiario de bolsa parcial asumirán un mínimo do 5% e un máximo do 35% do prezo da praza.
Para calquera consulta, aclaración ou ampliación de información, pódese facer na web www.coruna.gal/educacion ou no teléfono 981184200, extensión 10911.
Comentarios recientes