A Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), convidou ós nosos alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO a participar no programa «Conversas en Liña», que desenvolve unha serie de actividades en torno ao 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Cada ano, o 25N busca visibilizar os diferentes tipos de violencias aos que están sometidas as mulleres polo mero feito de selo. A violencia de xénero non é un problema privado; é un delito público e unha violación dos dereitos humanos e, como tal, incumbe á toda a sociedade no seu conxunto. Con esta actividade buscamos sensibilizar ao alumnado e previr calquera manifestación de ditas violencias mediante a súa visibilización, tratando as súas orixes e causas, así como todos os mitos que xiran ao seu arredor.
O principal obxectivo destas Conversas en Liña é concienciar á mocidade sobre os mitos que existen en relación coa violencia de xénero e outras violencias machistas, achegando novas ideas, enfoques e boas prácticas impulsadas por xente nova, todo iso dende un enfoque de debate, diálogo ou reflexión con perspectiva de xénero, e considerando os dereitos humanos cara a unha educación emancipadora.
Hoxe foi a quenda de Eduardo Infante: Filósofo, profesor e organizador de diálogos filosóficos. Leva vinte anos dando clases de filosofía con métodos innovadores e nada convencionais: explica a Aristóteles paseando polo parque, invita a practicar o cinismo nas rúas comerciais da cidade de Xixón ou narra o xuízo a Sócrates nun xulgado. É autor do best-seller Filosofía en la calle, así como doutras obras tales como No me tapes el sol: cómo ser un cínico de los buenos. Ademais, é director do podcast Filosofía en la calle, colabora no programa de televisión Quién educa a quién (RTVE) e en Aprendemos Juntos (Fundación BBVA e El País).
¿Debería un hombre ser feminista?
Baixo este título, Eduardo pretende realizar, dunha forma teórico-práctica e participativa, un achegamento, con mirada filosófica e reflexión crítica, sobre unha serie de cuestións interpelativas tales como: que é o feminismo?, é este tan só un asunto de mulleres?, deberías participar nas accións que se van organizar na túa cidade no marco do 25N?
Comentarios recientes