12
nov


 

Do 12 ó 18 de outubro celebramos no Liceo La Paz os Erasmus Days. Unha semana adicada a promover os valores de internacionalización, sostenibilidade e cooperación do programa Erasmus+. Unha iniciativa chave para fomentar a internacionalización e fortalecer o compromiso do centro coa mobilidade educativa.

 

Durante estes días, procuramos sensibilizar a estudantes e docentes sobre os beneficios dos intercambios e experiencias internacionais a través dos programas Erasmus+. As actividades incluíron obradoiros, conferencias e unha limpeza da Cala de Bens o 12 de outubro. Ademais, realizáronse varios eventos para chegar a tódolos niveis educativos: Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e FP, facendo especial fincapé nas oportunidades de mobilidade para Formación Profesional e as experiencias de jobshadowing para docentes.

 

En particular, o alumnado de Primaria, realizou diferentes actividades con temática de sostibilidade, deporte inclusivo e nutrición.

 

Os pequenos de primeiro curso de Primaria desfrutaron de un Escape Room sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no que aprenderon a importancia da reciclaxe de residuos. Para cumprir con este obxectivo os rapaces e rapazas convertíronse nun grupo de astronautas que debían viaxar pola galaxia e visitar tres planetas co fin de melloralos e facelos habitables para os seus habitantes

 

 

O alumnado de segundo acudiu ó contacontos «Coñece Europa con Kalopsia» impartido por Europe Direct, no salón de actos. O obxectivo desta actividade foi a de promover unha aprendizaxe sobre o funcionamento das institucións e os valores europeos entre a cidadanía máis nova da provincia. O escenario enchiuse de títulos pertencentes á cultura dalgúns dos 27 países da Unión Europea para achegar a rica tradición literaria europea. Falaron da  convivencia e das diferentes formas de vida e culturas que compoñen o mosaico europeo e, despois, escoitaron a historia de «Kalopsia, un planeta non tan diferente. Descobre Europa dende o espazo exterior» introducindo ós nenos na historia como un membro máis dos distintos pobos que habitan o planeta. Como colofón, os nenos e nenas formaron os seus propios países e alianzas, así viviron de forma moi cercana a experiencia.

 

 

En terceiro e cuarto de Primaria, aprenderon a importancia da súa pegada no planeta co obradoiro: «Pegada de carbono«. Tras ver o vídeo da avoa Carmela, os nenos responderon a varias preguntas sobre a súa forma de vida e descubriron as consecuencias que os seus hábitos de consumo teñen no planeta. De maneira moi visual, colorearon a súa pegada en verde, laranxa ou vermello, aprendendo aquilo que fan ben e aquilo no que precisan mellorar ou realizar un cambio.

 

 

Gracias á Fundación ENKI, os nenos de quinto de Primaria, aprenderon sobre o deporte inclusivo: que adaptacións fanse no mundo deportivo para que as competicións estén abertas a tódolos deportistas, sen importar as súas discapacidades (sensoriais, físicas…).

 

 

E por último, os maiores de sexto de Primaria, aprenderon, nun obradoiro de nutrición e sostibilidade. Neste obradoiro impartido polo alumnado do Ciclo de Formación Profesional de Dietética do noso centro, o alumnado aprendeu que melloras deben facer na súa dieta para poder ser mais sostibles co medio ambiente. Tamén descubriron cales eran os productos de tempada que debemos consumir durante o outono e que son os alimentos e productos de proximidade. Para rematar tiveron a oportunidade de probar diversas recetas con estes productos e algúns descubriron por primera vez como sabía a granada.

 

 

Os Erasmus Days no Liceo La Paz contaron cunha gran participación e aprendizaxe para todos. Grazas ás diversas actividades organizadas por Jennifer e Alexandra, almas mater do Departamento de Erasmus, o alumnado profundizou nos valores de cooperación e sostibilidade, á vez que explorou as súas posibilidades de internacionalización. Esta semana destacou a importancia de aprender a través da experiencia, abríndolles portas cara a novas oportunidades e fomentando o seu compromiso cun futuro máis sostible e diverso.

 

0 No comments

Comments are closed.