03
mar

Na visita da unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) ó noso Centro do pasado mes de febreiro houbo un total de 59 doazóns de sangue. Para entender a importancia deste acto solidario, sinalar que coa participación acadada dispoñemos, por exemplo, de glóbulos vermellos para 17 intervencións cirúrxicas ou para 5 transplantes de órganos e tamén plaquetas para axudar a 9 doentes a loitar contra o cancro ou a leucemia.

 

A ADOS leva acudindo coa súa unidade móbil ó Liceo dende o ano 1994 e, ao longo destes anos, acadáronse un total de 763 doazóns.

 

As persoas que doan sangue forman parte da sanidade. Están presentes nas intervencións cirúrxicas, cando atenden a unha persoa que sufriu un accidente de tráfico, cando axudan ás persoas con cancro ou leucemia, nos transplantes de órganos… Grazas a súa solidariedade púdose desenvolver en 2018 unha parte importante da actividade nos hospitais galegos: 209.718 intervencións cirúrxicas, 1.021.849 urxencias e 354 trasplantes de órganos.

 

Dende ADOS, queren dar a benvida ás 35 persoas que fixeron a súa primeira doazón e agradecer a colaboración de todas as persoas que axudaron na organización desta iniciativa solidaria e a todas as persoas que doaron sangue ao longo destes anos e permitiron a moitos enfermos recuperar a saúde.

 

O noso sincero agradecemento a alumnos, profesores, persoal non docente e veciños do barrio de Matogrande pola vosa sempre desinteresada solidariedade.

 

Grazas por compartir a vosa saúde!

0 No comments

Comments are closed.