11
mar

 

Trasladamos o Comunicado conxunto da Xunta de Galicia, FEGAMP, Coordinadora Galega de ONGD, Farmacéuticos Mundi, Médicos del Mundo, UNICEF, Cruz Vermella, Educo, Entreculturas, ACNUR, Ayuda en Acción, Movimiento por la Paz, el Desarme y la Libertad, e Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade:

 

«As entidades arriba mencionadas, reunidas en Santiago de Compostela o día 7 de marzo de 2022 acordan difundir as seguintes

 

Recomendacións para axudar á poboación ucraína de forma eficaz:

 

A solidariedade é, sen dúbida, unha das características máis relevantes da cidadanía galega.

 

Na actual crise provocada polo conflito bélico en Ucraína, unha vez máis, as mostras de solidariedade son constantes. Nestes días estamos a recibir numerosos ofrecementos de axuda, gran parte deles consistentes en doazóns de especie de materiais.

 

En situacións  como a actual faise máis necesario, se cabe, que a axuda humanitaria chegue ás persoas que o necesiten sen prexudicar ós mercados e canles localis, sen poñer en perigo nin ós actores humanitarios nin á poboación beneficiaria tratando de minimizar o impacto medioambiental.

 

As organizacións humanitarias especializadas en terreo son as encargadas da avaliación das necesidades, que varían en cada momento, para adecuar os seus chamamentos de axuda. Neste senso, os bens materiais doados en Galicia poden resultar non adecuados ás necesidades da poboación e da situación humanitaria e loxística en terreo.

 

Os bens doados de xeito particular están a supoñer custos administrativos e dificultades loxísticas engadidas (transporte, recepción, almacenamento, distribución, etc.) para as institucións que as xestionan.

 

Ademais, a doazón internacional dalgúns produtos, como os medicamentos, está sometida a uns estritos protocolos que restrinxen as doazóns por parte de particulares.

 

Actualmente é difícil a garantía de corredores humanitarios estables que permitan a distribución e acceso seguros, pese ós esforzos de negociación das organizacións de carácter humanitario coas partes en conflito.

 

Os problemas desta crise humanitaria manteranse ó longo do tempo e as axudas serán necesarias non só neste momento de conflito, senón ó longo da súa duración, así como na etapa de reconstrución.

 

Agradecendo estes ofrecementos brindados á poboación afectada por esta crise humanitaria, en consonancia coa Oficina de Acción Humanitaria (OAH) da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), recomendamos que a nosa solidariedade sexa canalizada a través de axudas económicas dirixidas ás ONGD internacionais humanitarias presentes na zona mostrando a nosa confianza na súa xestión.

 

Polo tanto,

 

Recomendamos canalizar a axuda da cidadanía a través de doazóns económicas mediante as diferentes ONGD humanitarias que traballan na zona, así como a través de organismos humanitarios especializados.

 

As seguintes organizacións ou organismos en Galicia que traballan no terreo fixeron chamamentos para realizar doazóns:

 

Médicos del Mundo

Entreculturas

Educo

Farmacéuticos Mundi

Ayuda en Acción

 

Para máis información podedes consultar as webs de Galicia Solidaria, Cruz Vermella, UNICEF ou ACNUR.

 

Para máis información sobre chamamentos doutros organismos internacionais pódese consultar a web de AECID.

 

Desaconsellamos as doazóns en especie, ó resultar menos eficiente este tipo de axuda e constituir unha mala práctica no ámbito da axuda humanitaria.»

0 No comments

Comments are closed.