Coordinados polo Departamento de Orientación, recentemente levamos a cabo en 4º de ESO unha serie de talleres formativos en igualdade baixo o título “Relacións sas de parella”, como parte integral do noso programa educativo centrado na igualdade.
Estes talleres foron deseñados para brindar ao alumnado as ferramentas necesarias para comprender, respectar e fomentar relacións baseadas no diálogo, o respecto mutuo e a igualdade.
O obxectivo do programa era traballar a temática da violencia de xénero desde unha perspectiva masculina. Para isto, contouse con profesionais masculinos xoves e referentes do ámbito da educación e da psicoloxía, que a abordaron desde o punto de vista doutro tipo de masculinidades posibles, non violentas.
Estes talleres foron impartidos polos formadores:
- Iñaki Lajud, psicólogo experto en violencia de xénero e xestión emocional
- Jorge Boga, pedagogo especializado en igualdade.
- Ailín Sujatovich, obradoirista e coautora da novela terapéutica “Naranja. Un legado que transforma”
As dúas primeiras sesións, de carácter máis teórico, foron impartidas polos profesionais masculinos do ámbito educativo e psicolóxico.
Abordaron contidos orientados a contribuír a que o alumnado participante fose capaz de reflexionar sobre a importancia de crear e manter relacións sas no ámbito da parella.
A terceira sesión, de carácter máis práctico, foi desenvolvida pola muller obradoirista. O que se pretendía era que o alumnado expresase as súas ideas, vivencias e sentimentos en relación á temáticas proposta a través de técnicas artísticas e estratexias visuais e creativas, fomentando asemade unha visión crítica sobre as relación tóxicas de parella.
Por outro lado, tamén temos a intención de participar no proxecto educativo promovido pola Concellería de Benestar Social “Un Punto Violeta no teu centro educativo” cuxo obxectivo é articular no propio centro un espazo desde o que se sensibilice sobre igualdade de xénero e se informe dos recursos dispoñibles ante calquera forma de violencia machista.
O Punto Violeta será atendido/dinamizado por alumnado e profesorado voluntario do centro.
«Infiltrados/as na rede» é o obradoiro impartido en 3º ESO e que tiña por finalidade facilitar información obxectiva para promover a análise sobre a influencia das redes sociais no comportamento e fomentar o seu uso de forma adecuada e sen riscos.
A educación na adecuada utilización das RRSS para os alumnos de ESO é crucial para fomentar a responsabilidade dixital. Axuda a desenvolver habilidades críticas na avaliación da información online, previndo a difusión de contidos falsos. Ademais, promove un comportamento ético e respectuoso, reducindo casos de ciberacoso e discriminación.
Potenciar a conciencia sobre privacidade axuda a protexer aos estudantes dixitalmente evitando riscos asociados á sobreexposición. En definitiva, a formación nesta área contribúe ao desenvolvemento integral dos alumnos na era dixital.
Quedamos moi satisfeitos pola positiva resposta dos alumnos e alumnas ante estes talleres.
Comentarios recientes