A Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), convidou ós nosos alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato a participar no programa «Conversas en Liña», que desenvolve unha serie de actividades en torno ao 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Cada ano, o 25N busca visibilizar os diferentes tipos de violencias aos que están sometidas as mulleres polo mero feito de selo. A violencia de xénero non é un problema privado; é un delito público e unha violación dos dereitos humanos e, como tal, incumbe á toda a sociedade no seu conxunto. Con esta actividade buscamos sensibilizar ao alumnado e previr calquera manifestación de ditas violencias mediante a súa visibilización, tratando as súas orixes e causas, así como todos os mitos que xiran ao seu arredor.
O principal obxectivo destas Conversas en Liña é concienciar á mocidade sobre os mitos que existen en relación coa violencia de xénero e outras violencias machistas, achegando novas ideas, enfoques e boas prácticas impulsadas por xente nova, todo iso dende un enfoque de debate, diálogo ou reflexión con perspectiva de xénero, e considerando os dereitos humanos cara a unha educación emancipadora.
Psico Woman (Isa Duque) é Psicóloga, con mestrado en sexoloxía, terapia sexual e xénero. Terapeuta sistémica familiar, con formación en P.N.L. e creadora de contidos audiovisuais en diferentes redes sociais e plataformas dixitais tales como Youtube e Instagram, entre os que destaca o seu proxecto «Psico Woman»
Viva el #Amordelbueno: otras formas de vivir el amor son posibles
Esta actividade deu claves concretas para previr as violencias machistas, detectalas e achegar os servizos e recursos dispoñibles de acompañamento e apoio a quen o precise. Ademais, propiciou modelos relacionais baseados nos bós tratos, pois outras formas de quererse son posibles.
A actividade estivo dividida en dúas partes:
Na primeira parte, máis expositiva e visual, clara e directa, Isa Duque trasladou ao alumnado consellos que lle tivese gustado que lle contasen cando tiña 16 anos.
A segunda parte foi un espazo onde o alumnado puido preguntar dun xeito anónimo sobre aqueles aspectos onde quixera afondar máis.
Para isto, proporcionouse contacto directo con Isa Duque a través de Instagram, coa idea de contactar e derivar aos servizos pertinentes os casos nos que se detecte violencia de xénero. Complementouse a actividade a nivel interactivo dende a canle de Youtube e a realización de directos dende a aplicación de Instagram para tal fin.
Comentarios recientes